Composición química do vertido de pellets en Galicia – vía ECOTOX UVigo

Segundo un breve informe difundido o día 9 de xaneiro pola Xunta de Galicia, os pellets que se verqueron o pasado día 8 de decembro do barco Toconao de bandeira de Liberia en sacos etiquetados como “UV9000 light stabilizer” importados por Bedeko Europe e fabricados na India pola empresa Coraplast (si, moito do plástico que se consume en Europa se produce en Asia) teñen a seguinte composición. A súa matriz é o polímero máis habitual, polietileno, totalmente inocuo, PERO conteñen entre un 10 e un 13% dun aditivo químico empregado como estabilizador ultravioleta (como era de esperar dadas as etiquetas dos sacos). Este aditivo denominado UV622 (número CAS 65447-77-0) é á súa vez un polímero non biodegradable con dous componentes, o ácido succínico, un ácido orgánico sin problemas a nivel toxicolóxico, e unha sustancia sintética da familia das aminas aromáticas que lle da as súas propiedades antioxidantes (número CAS 52722-86-8). Esta sustancia está clasificada pola European Chemical Agency como sustancia con toxicidade crónica (é dicir, só sería tóxica en exposicións prolongadas, que non é o caso dunhas labores de limpeza puntuais), e irritante para os ollos (polo que na limpeza debe terse esta precaución). Segundo este mesmo dossier a súa toxicidade para Daphnia (invertebrado acuático que se emprega como modelo para valorar a toxicidade dunha sustancia) tería una CE50 (concentración que causa un 50% de mortalidade) de 160 mg/L, o que a catalogaría como pouco tóxica.Na folla de seguridade do UV622 figura unha toxicidade para Daphnia de CE50=25 mg/L, o cal en contraste co anterior o catalogaría nun nivel medio de toxicidade acuática. En calquera caso, non é de esperar que en costas abertas se alcancen estes niveis.

Ningún dos documentos anteriores aporta información experimental sobre toxicidade en organismos mariños. O grupo ECOTOX está actualmente realizando probas de toxicidade con modelos representativos do fitoplancto e zooplancto para cubrir esta lagoa e iremos publicando aquí os resultados obtidos.

Fonte: Grupo ECOTOX – Universidade de Vigo

Ligazón: http://ecotox.uvigo.es/gl/composici%C3%B3n-qu%C3%ADmica-do-vertido-de-pellets-en-galicia

Contacto

Avda. Abelleiras s/n, Campus Universitario de Vigo. 36310. Vigo (Pontevedra)
Correo electrónico: xeral@oceanografas.gal
Teléfono: 986 81 34 82 | Móvil: 615 054 954 Fax: 986 81 34 82