Alberto Garazo, responsable para España e Portugal de MSC, protagonizará a vindeira charla do ciclo de videopódcast
Será o xoves 23 de marzo ás 19.00 h a través de Zoom
A Asociación de Oceanógrafas de Galicia continúa co seu ciclo de videopódcast ‘Días de Mar’, unha iniciativa a través da que achegar a toda a cidadanía a diferentes aspectos relacionados coa oceanografía e o medio mariño dun xeito ameno, claro e distendido.
Este xoves 23 de marzo o protagonista será Alberto Garazo, responsable de empresas para España e Portugal da organización internacional Marine Stewardship Council (MSC). Durante o encontro este experto afondará sobre o programa MSC para a pesca sostible, o único programa de certificación e ecotiquetado de pescarías de captura salvaxe que cumpre cos requisitos de mellores prácticas establecidos tanto pola FAO como pola asociación mundial para estándares de sostibilidade.
Ás 19.00 horas, Alberto Garazo explicará ao público asistente á videoconferencia en que consiste esta iniciativa de etiquetado posta en marcha por MSC, unha entidade sen ánimo de lucro que busca propiciar a transformación dos mercados de produtos do mar cara a unhas bases sostibles, promocionado e recoñecendo a boa xestión pesqueira.
Como en ocasións anteriores, esta nova cita do programa ‘Días de Mar’ será a través da plataforma Zoom. Poderase entrar no encontro a través do seguinte enlace e coa Zoom ID 853 3915 0244.
A serie de videopódcast estarán dispoñibles na páxina web da asociación.