‘Días de Mar’ busca xerar un espazo de encontro no que descubrir a oceanografía de balde e en aberto
A vindeira charla será con Isabel Chapela, que presentará un libro autobiográfico no que narra a súa experiencia en alta mar. O xoves 9 ás 19.00 h a través de Zoom
A Asociación de Oceanógrafas de Galicia quere achegar o mundo mariño á cidadanía dun xeito ameno, sinxelo e claro no que as e os oceanógrafos tomen a palabra. Con este obxectivo puxo en marcha ‘Días de Mar’, unha serie de videopodcast de balde e en aberto para todos os públicos nos que se abordarán diversos temas relacionados coa oceanografía e co medio mariño, un espazo de encontro no que aprender e descubrir conversando de forma distendida.
A primeira charla deste 2023 terá lugar o vindeiro xoves 9 de marzo da man de Isabel Chapela Lorenzo, licenciada en Ciencias do Mar pola Universidade de Vigo, que se asomará á fiestra de ‘Días de Mar’ para presentar o seu libro ‘Nunca fuimos normales’. A autora achegará ás e aos espectadores unha obra autobiográfica na que recolle as súas reflexións durante varios anos recollendo mostras biolóxicas en buques de pesca de altura e participando en diversas campañas oceanográficas.
Durante as súas viaxes, caracterizadas por unha escasa comunicación co mundo de terra firme e en pleno contacto co mar, Chapela realiza unha aprendizaxe sobre a vida que a rodea a través dunha viaxe interior cara as súas sensacións e sentimentos. Todo rodeada dun ambiento de traballo gratificante en moitos momentos, ingrato noutros e eminentemente masculino na maioría das ocasións.
A cita será a partir das 19.00 horas a través da plataforma Zoom. Poderase entrar no encontro a través do seguinte enlace e coa Zoom ID 890 3404 6375.
As charlas de ‘Días de Mar’ arrancaron o pasado ano 2022 coa charla de Héctor Morán Montero, que achegou ao público a experiencia de emprendemento na cría de organismo mariños en catividade levada a cabo pola empresa súa Jelly Farmer.
Por outra banda, a Asociación de Oceanógrafas de Galicia xa ten confirmada a vindeira charla o xoves 23 de marzo ás 19 horas. Nesta ocasión o protagonista será Alberto Garazo, responsable de Empresas España e Portugal de FSC, que afondará no programa MSC para a pesca sostible.
Os videopódcast estarán dispoñibles na páxina web da asociación.